jueves, 18 de diciembre de 2008

As eleccións autonómicas celebraranse o 1 de marzo do 2009


O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avanzou hoxe que as eleccións ao Parlamento de Galicia se celebrarán o vindeiro día 1 de marzo, unha data que, segundo resaltou, foi escollida por ser “a máis convinte desde o punto de vista do interese xeral”: para responder mellor á crise, singularizar as eleccións galegas doutros procesos semellantes e cumprir coa palabra dada de non adiantar os comicios. Emilio Pérez Touriño explicou que o primeiro fundamento no que baseou a súa decisión foi a prioridade de facer fronte “á crise coa maior eficacia”. “Co orzamento que acabamos de aprobar está asegurada a xestión económica durante o ano que vén. Así pois –aseverou o presidente galego-, con esta data electoral aseguramos a máxima operatividade para a política económica que desenvolve a Xunta de Galicia”. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o máximo mandatario autonómico tamén se referiu á necesidade de acabar coa incerteza e de “despexar canto antes o horizonte político de Galicia para os próximos catro anos”. “Trátase de ter un Goberno cun renovado respaldo nas urnas. Unhas institucións a pleno rendemento. Un novo programa que se sustente en todo o que logramos ata agora, pero adaptado ao momento actual e proxectado cara ao futuro”, abondou. Necesidade de singularizar as eleccións

Outro dos motivos que esgrimiu o presidente da Xunta para a elección do 1 de marzo como data dos comicios autonómicos foi a necesidade de “singularizar” este proceso con respecto a outros. “Durante o ano 2009 os galegos votarán dúas veces: a primeira, para elixirmos os deputados que integrarán o Parlamento de Galicia; a segunda, xunto con todos os demais cidadáns de Europa, para renovar o Parlamento Europeo”, explicou, sinalando que ambas as dúas eleccións son dunha importancia “decisiva” e que ambas “merecen a máxima atención por parte dos cidadáns”. “Tratándose de procesos electorais de natureza tan diferente, penso que non sería bo mesturar ambos os dous debates nunha única campaña”, engadiu Pérez Touriño, lembrando que “os galegos queremos elixir o noso Parlamento e o noso Goberno e despois queremos participar, co resto dos cidadáns europeos, na elección do Parlamento Europeo”. “As eleccións galegas sempre tiveron o seu espazo propio no marco do calendario electoral e así debe seguir ocorrendo. Que canto Galicia fale, se fale de Galicia”, concluíu ao respecto. Cumprir coa palabra dada

Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén remarcou que, con esta decisión, cumpre co seu compromiso ante os cidadáns de non adiantar as eleccións e de que a lexislatura actual chegase ao seu fin.“E cumprín o compromiso”, remarcou, incidindo en que “chegou a hora de convocar a todo o pobo galego” porque “o que neste momento lle convén a Galicia, argumentou, “é dispoñer dun novo Parlamento e dun Goberno revalidado polas urnas. Cumprir coa democracia para seguir cumprindo con Galicia”. Emilio Pérez Touriño sinalou que, antes de comparecer ante os medios de comunicación en rolda de prensa, informou da decisión tomada ao Consello da Xunta, á Cámara galega, durante a sesión de control, e ao responsable do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Así mesmo, explicou que para respectar os prazos que establece a lei, nos primeiros días de xaneiro asinará o decreto da Presidencia polo que se convocan oficialmente as eleccións autonómicas. Segundo a normativa electoral e o calendario previsto, a campaña dará comezo ás 00,00 horas do día 13 de febreiro (noite do xoves ao venres), durará 15 días e rematará ás 00,00 horas do día 27 do mesmo mes. Así, segundo indicou Touriño, “de aquí ao días das eleccións, as forzas políticas desenvolverán lexitimamente as súas actividades de precampaña e de campaña electoral. Pero a Xunta de Galicia, co seu presidente á fronte –asegurou-, seguirán exercendo plenamente as súas responsabilidades institucionais e tomando cantas decisións sexan necesarias no ámbito das súas competencias. Porque Galicia non pode deterse nin sequera unhas semanas. E a nosa obriga, na que empeño a miña palabra, é garantir que así sexa”. Optimista en que os galegos aposten por seguir co cambio

O presidente da Xunta tamén manifestou o seu optimismo e esperanza en que “o 1 de marzo Galicia non dará un paso atrás, non retrocederá, non mirará ao pasado, senón que mirará ao futuro e seguirá apostando polo que é o cambio continuo e por continuar impulsando o cambio cunha nova maioría, cun novo respaldo amplo nas urnas”. “Esa é a miña expectativa, o que espero e o que confío e o que lle vou pedir ás galegas e aos galegos, porque creo que é profundamente o que o país necesita”, abondou. Respecto á modificación do voto emigrante, Emilio Pérez Touriño sinalou que, nos vindeiros comicios autonómicos probablemente “imos concorrer nas condicións nas que está previsto concorrer: as actuais”. Neste sentido remarcou o seu compromiso de seguir traballando para lograr a reforma do voto emigrante e para que os dereitos de voto dos residentes no exterior sexan mellorados. “Xa me teñen escoitado moitas veces, o presidente da Xunta encabezou iso, o seguirei facendo, e creo que os temas que afectan ao voto emigrante, que teñen que ver co dereito dos emigrantes a votar coa lexislación actual na man, deben ser mellorados e traballamos para que se melloren. Pero iso precisa dun acordo en sede parlamentaria do Congreso dos Deputados de carácter transversal, porque hai que modificar, a bo seguro, a normativa electoral vixente”, concluíu ao respecto.