lunes, 1 de diciembre de 2008

Un grave prexuízo á hostalaría do Valadouro


A hostalaría do Valadouro verá prexudicados gravemente os seus ingresos económicos, xa que non poderá ofrecer nos seus establecementos o partido ligueiro Barcelona - Real Madrid que se disputará no Camp Nou o vindeiro sábado 13 de decembro ás 22 horas, que emite en exclusiva a cadea de televisión A Sexta.
Por culpa do goberno municipal do Partido Popular do Concello do Valadouro non se ve a cadea de televisión A Sexta no noso concello, nin en forma analóxica nin pola TDT, aínda que para os orzamentos do presente ano 2008 figuraba unha partida para pór os reemisores para emitir a TDT, esta obra está sen facer como tantas outras por incumprimentos graves do actual goberno municipal dirixido desde a alcaldía polo señor Eulogio Fernández Sampayo.
O Concello do Valadouro está formado nunha parte moi importante por persoas maiores de máis de sesenta e cinco anos co cal nas súas casas non poderán seguir o Barcelona - Real Madrid, terán que facelo pola radio única e exclusivamente como hai corenta anos, os cidadáns do Valadouro somos cidadáns de terceira (xa nin de segunda).
Por outra banda ao non poder verse o Barcelona - Real Madrid, a mocidade do Valadouro e todos aqueles bos afeccionados ao fútbol terán que desprazarse á costa (Burela, Foz, Viveiro, Ribadeo) para poder seguir o partido da máxima, e os bares, restaurantes do noso Concello quedarán baleiros e sen ingresos, é moi triste que a xente do Valadouro teña que desprazarse aos concellos circundantes para poder ver un partido por televisión. Pero isto xa non é a primeira vez que pasa, no pasado mundial de baloncesto ocorreu exactamente o mesmo, a nosa hostalaría quedou sen os ingresos dun campionato mundial, dun deporte como o baloncesto, que ten tantísima audiencia, ¿e quen levou estes ingresos?, a hostalaría dos concellos veciños da costa.
E xa non é só que non se vexa A Sexta no Valadouro, é que en amplas zonas deste Concello, cadeas como A 2, Catro, Telecinco, Antena 3 e ultimamente a TVG vense con moitísimas interferencias e sobre todo no verán ás veces nin se ven. É hora de que unha vez por todas O Valadouro estea en igualdade de condicións co resto de concellos da Maríña e non esteamos na cola dos adiantos tecnolóxicos que nos impiden ter unha boa calidade de vida, e o goberno do Partido Popular e o señor alcalde quedan cruzado de brazos porque todo dálles igual e deben pensar que aínda estamos nos tempos nos que só existía a Primeira e Segunda Cadea de Televisión Española